19 maio 2017

Entre Torres

Onte celebrouse o Día internacional dos Museos e a Rede Museística Provincial confeccionou un programa para todos os da provincia nos que se inclúe o de San Paio de Narla. Este museo que na actualidade xoga un papel clave na dinamización sociocultural de Friol, como ben sabemos, desenvolve a súa actividade na fortaleza que foi dos señores das Seixas.
Pois ben, no ano 1926 sae á luz a "Guía de Galicia" de Ramón Otero Pedrayo, obra reeditada posteriormente nos anos 1945, 1954 e 1980 (que nós saibamos); e en todas elas aparece unha pequena referencia a Friol (páx 179 da edición do 1945) na que cita a Pena de Gonce, Guimarei e textualmente referíndose á Torre de Xiá : "cerca de Friol ruinas de la torre de San Payo" (sic).
Don Ramón faleceu no 1976 e evidentemente non puido testemuñar a rehabilitación feita pola Deputación Provincial de Lugo e sobre todo o papel que cumpre na actualidade a citada fortaleza. A actuación sobre este edificio poderiamos poñela como exemplo de respecto e recuperación do noso patrimonio.
No ano 2014 o guitiricense José María Díaz Castro foi o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas. A súa casa foi legada pola familia do poeta á Agrupación Cultural "Xermolos" que  nestes días realiza unha campaña de "crowfunding" para tratar de conseguir os fondos suficientes para afrontar o amaño da cuberta da citada vivenda. Iniciativa que amosa o cariño e defensa dun ben cultural en perigo.
Neste ano que estamos, o concello de Cartelle, lugar de nacemento dun dos pioneiros do cine galego: Carlos Velo, foi promotor da creación da Fundación do mesmo nome e, ao tempo, adquiriu a casa natal do cineasta. Convén lembrar que Cartelle é un concello ourensán da marxe esquerda do Miño cunha poboación semellante á do concello friolés e do que é alcaldesa Carmen Leyte (PP).
Exemplos públicos e privados que manifestan o interese na defensa do noso patrimonio.
Agora podemos facernos as preguntas: 
Cando seremos conscientes en Friol  do valor que temos na capitalidade do concello e que  estamos deixando caer a cachos? 
Tan desinteresada está a administración e os propietarios do Pazo Torre no seu coidado?
Exemplos como o primeiro que citabamos debían ser paradigma para calquera institución interesada na defensa do noso patrimonio.
Urxe intervir.         

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.