19 maio 2016

Teatro da man de Manuel María

Os próximos xoves e sábado ( 26 e 28 de maio) no Centro Sociocultural do concello friolés, o grupo de teatro do CPI Dr. López Suárez representará a obra de Manuel María "Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela".
Esta obriña escrita inicialmente para ser representada nun teatriño de monicreques, é unha peza moi empregada no ámbito educativo sendo escenificada por moitos e diferentes grupos teatrais existentes nos centros  ou creados ad hoc para a citada representación.
É a primeira vez que traballamos cun guión alleo, pero este ano e sendo Manuel María o homenaxeado no Día das Letras Galegas, consideramos case unha obriga buscar un texto do poeta da Terrá Chá. 
Nós, collemos a obra e adapatámola ás nosas posibilidades, cambiando personaxes e mesmo introducindo algunha, pero sempre respectando o espírito que o autor chairego lle imprimiu á obra.
Dada a pequenez do grupo algunha das compoñentes representan diferentes papeis que, coa consabida e caracterización singular, tentaremos non leve a equívocos.
Nas mans de Andrea Iglesias, Vanessa Blanco, María José Roibás, Irea Blanco, Lúa Martínez, María Fariñas e Ada Blanco recaeu o traballo de preparación desta montaxe que esperamos sexa do agrado do público asistente.
Esperámosvos      

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.