28 maio 2016

Aventuras e desventuras dunhas espiña de toxo chamada Berenguela

Despois da estrea do pasado xoves da montaxe "Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela", hoxe tivo lugar no mesmo Centro Sociocultural a representación para toda a comunidade friolesa. 
Diante de numeroso público -- foi unha das ocasións, desde que funciona o grupo de teatro, da que se pode dicir que houbo moita xente-- púxose en escena a adaptación desta obra para títeres que alá polo ano 1975 artellara Manuel María para os rapaces dunha familia monfortina á que unía fonda amizade.
A adaptación tratou de axustar os personaxes á realidade do grupo de teatro pero respectando en todo momento o espírito da obra do poeta chairego.
A verdade é que o espectáculo foi un éxito.Se xa o pasado xoves quedaramos satisfeitos coa escenificación, hoxe as actrices melloraron notablemente a súa interpretación o que deu como resultado unha mellor posta en escena e un resultado máis que óptimo.
Só queda agradecer ao público a súa presenza e a Angelines Santos a súa colaboración: xa desde os inicios do grupo é a responsable de que a roupaxe das personaxes sexa fiel reflexo do que as mesmas queren trasmitir.
Xa por último indicar que neste enlace podedes escoitar a primeira representación desta obra e algo da súa historia. Precisamente aproveitamos a imaxe do teatriño no que foi represerntada por primeira vez como ilustración desta entrada.
Neste enlace podedes acceder ao audio da representación do sábado día 28 de maio   

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.