25 marzo 2015

Toponimia de San Xurxo de Lea

A parroquia de S. Xurxo de Lea que na actualidade ten 107 habitantes de dereito (2014) distribúe a súa poboación nos seguintes núcleos de poboación dos que facemos a súa análise toponímica.
Outeiro e Gándara son dous orónimos que, no primeiro caso, provén do latino "altariu" que como recollen os dicionarios é 'unha pequena elevación nun terreo chan'; o segundo ten orixe na prerromana "ganda" --hai quen precisa máis indicando unha posible orixe céltica--, falando dun terreo 'baixo, areento, húmido e improdutivo'.
Pradeda sería un fitónimo con orixe na latina "platanetum" abundancial, lugar con forte presenza, neste caso, de pradairos 'acer pseudoplatanus'.
O Curral de Arriba e o Curral de Abaixo que terían  na latina 'currale' a súa orixe inmediata que, a súa vez, posiblemente teña nunha prerromana*corr a orixe primixenia, como 'construción para gardar o gando'. A segunda parte destes topónimos achegan a información da súa situación espacial.
Cascancela: Casa (da) cancela, da latina 'cancellus' --porta enreixada, varanda--. Ocorre o mesmo fenómeno que con Casantalla, Casbarreiro, Caspardo, Casroque... que xa temos comentado noutras entradas relacionadas coa toponimia do concello.
Falando de casas temos tamén Casas dos Galiñeiros que nun principio faría referencia ás vivendas relacionadas coa crianza desta ave doméstica; do latín "gallinarium".
Por último, Lea, que dá nome a parroquia. En primeiro lugar indicar que atopamos este topónimo como cabeceira de parroquia nos concellos de Pol e Castro de Rei, na nosa provincia;  como lugar nas parroquias de  Santa Mariña de Lagostelle  e nos Vilares (San Vicenzo), ambas as dúas no veciño concello de Guitiriz;  e que Lea tamén aparece como hidrónimo como afluente do río Miño e como correntes fluviais en lugares tan distantes como o País Vasco, Inglaterra e Irlanda.
A orixe é confusa. Nicandro Ares desbota que o topónimo teña relación con algún dos significados que a ´'lea' lle atribúen os diferentes dicionarios( pódese consultar o da RAG, entre outros).
Outra posibilidade sería a relación cunha antiga "Leah" --hebrea- (Lía en latín); crese que o seu significado sería o de 'vaca' que segundo se recolle no Diccionario de nomes galegos faría 'alusión aos rabaños do pai da Lea bíblica" (irmá, nesta tradición de Raquel --ovella--).
Outra posibilidade que explicaría este escuro topónimo sitúa a orixe do mesmo nun antigo  antropónimo xermánico 'Eileuva' dunha posible  "villa Eileuva"( este antropónimo aínda que non relacionado co que nos ocupa, aparece recollido por Eligio Rivas Quintas no seu Onomástica persoal do noroeste hispánico.
En calquera caso é un estudo que está por rematar.  

1 comentarios:

Xosé González

Parabéns polo interesante blog e artigo!.
A respecto de "Lea": podería ter unha orixe común co caso do rio Lea, e vir de "Lena", cunha orixe no indoeuropeo *lē-no- 'suave, mole, lene', indicando o curso chao do río.
No caso de Galiñeiro, tampouco se pode descartar unha orixe no tema prerromano *kal(l)-, indicando unha zona con penedos (ver artigo relacionado blog http://penadacataverna.blogspot.com.es/2014/11/a-moura-dos-gallos.html)

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.