18 xaneiro 2015

O cruceiro de Ascariz

Este cruceiro situado a poucos metros da mámoa de Ascariz, na parroquia de Xiá é fiel testemuña pétrea das desavinzas veciñais que con relativa frecuencia se producían no noso agro en tempos pasados.
A propiedade da terra, o uso da auga, a ocupación ou creación de camiños, as relacións da mocidade, tratos incumpridos  e tantas outras pequenas cousas que aos poucos creaban un malestar que ía rillando por dentro aos afectados ata que ao medrar convertíase en verdadeira xenreira que, coa falta de autocontención  e unha mal entendida afouteza, acababan moitas veces en tráxicos episodios dos que estas terras friolesas non foron alleos.
Romarías, feiras, ruadas,... eran lugares propiciatorios para --seguramente coa desinhibición alentada polo consumo inmoderado do alcochol -- producirse este tipo de enfrontamentos de inesperadas e ás veces dramáticas consecuencias.
A pesar da necesidade de que a veciñanza participase colectivamente nas múltiples faenas que o campo esixía, moitas veces estas desavinzas chegaban a tal punto que mesmo as diferentes casas dun mesmo lugar non se relacionaban en absoluto entre si.
Pois ben, sen entrarmos en detalles, indicar que este cruceiro foi erixido en memoria dun funesto suceso acaecido nunha ruada celebrada en Ascariz un domingo de mediados de setembro do ano 1921, na que nun enfrontamento entre parte dos participantes na mesma chegou a producirse a morte dun home e a quedar ferida de gravidade unha muller (ambos os dous irmáns). 
A orixe da liorta viña de tempo atrás, pois entre agresores e agredidos foran múltiples os desencontros acabando os diferentes episodios en denuncias diante da xustiza. Este triste domingo non puxo punto final aos desacordos que seguiron producíndose tempo adiante.
Que este cruceiro, que ten a mesma factura que un de Silvela e outro da Porreira dos que xa falamos, sirva como exemplo do que non deben ser as relacións veciñais e nos faga reflexionar sobre a importancia de empregar a palabra ou calquera outro recurso para evitar o uso da violencia como método para arranxar as diferentes percepcións que se poidan ter da realidade.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.