07 maio 2014

Toponimia de S Pedro de Narla

Da parroquia de San Pedro de Narla xa hai referencia escrita no século VIII (ver) . Na actualidade (censo 2013) ten unha poboación de dereito de 208 habitantes repartidos en 15 núcleos de poboación.
Golmar e Todón son dous topónimos de orixe xermánica. No primeiro caso tería a un "Golmarus" ou "Gualimarius" ao seu antigo posuidor, (villa) Golmari e no segundo a un "Teodonus", (villa) Teodoni.
A Porreira cunha orixe no latino "porrum" que daría o abundancial relacionado co allo-porro que o inclúe nos fitónimos claros. A Espiñeira que inicialmente nos levaría a pensar nun abundancial do espiño "spinus", podería tamén facer referencia a "spina" (lombo, espiñazo) que indicaría unha suave pendente na orografía do lugar, como é o caso.
Dentro dos orónimos temos a Cima de Vila que sería unha "cyma" dunha "villae" que efectivamente está situada nunha posición elevada sobre O Chao que ten no latino "planum" a súa orixe tamén relacionada co relevo. Neste mesmo apartado habería que falar de Montecelos que provén dun "monticellus" diminutivo de monte, de pouca elevación.
Lagoa do latín "lacuna" hidrónimo que non precisa explicación.
A Eirexe, coa orixe nunha "villa ecclesiae": a igrexa parroquial que dá orixe ao núcleo de poboamento.
A Pontella do latín "ponticula" diminutivo de "pons" unha 'ponte pequena e estreita, de madeira ou pedra e de construción simple' recolle o Dicionario da RAG. Tamén hodónimo é A Portela, dun "portus" diminutivizado "-ella"que fai referencia a unha zona de paso.
O Vilar  xa comentado en anteriores entradas (ver) ao igual que Narla (ver).
De Cabeza de Vaca indicar que a primeira parte do topónimo faría referencia á elevación do lugar, do latín "caput" (cousa que podemos confirmar pola súa situación); a segunda parte "de Vaca" é de orixe máis obscura podendo facer referencia a un antigo "wak" como hidrónimo, feito que non se sustenta xeograficamente; tampouco cremos que o toponimo faga referencia ao "Cabeza de Vaca" antigo descubridor andaluz.
Por último queda  Seidoiro, que a día de hoxe non é máis  ca unha incógnita que está pendente dun estudo rigoroso.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.