31 decembro 2013

Toponimia de San Xiao de Ousá

Esta parroquia que conta na actualidade con 141 habitantes de dereito (censo 2012), ao igual que Roimil, Carballo e Friol, está baixo a advocación de S. Xiao.
Os lugares que a conforman son:
O Campo cunha orixe nidia no 'campus' latino.
As Carpaceiras, que sería inicialmente un abundancial de carpazas (arbusto da familia das cistáceas), palabra de orixe prerromana que daría a latina "carpatium".
Outro fitónimo sería Lourido, abundancial de loureiro "laurus nobilis", posible "lauratum".
As Lamelas, "prados con rega onde medra a herba todo o ano" segundo a definición da Real Academia Galega, sería o diminutivo de "lama"que en última instancia tería unha orixe prelatina.
A Pereira, deste topónimo xa falamos na entrada que lle dedicamos a Carballo e quedamos na disxuntiva entre optar por consideralo un fitónimo ( abundancial de "pyrus sp.") ou máis ben, un orónimo con orixe nunha "petraria" de "petrae" -pedra-, pequena elevación nunha superficie chá..
Casa de Parga, topónimo de cuxa primeira parte non hai nada que aclarar; Parga vén do medieval "Parraga", "Parrega" ou "Parriga", recollido así indistintamente en documentos medievais e que, segundo J.J. Moralejo, tería orixe indoeuropea.
Casa do Pazo que fai referencia a un "pallatium", mais se cadra non tanto como residencia senón no senso de posible "curro" de pastores, segundo indican ultimamente os estudosos e que aclararía a abundancia de "pazos" pola xeografía toponímica galega.
A Mámoa, de "mammula", "mamma", referencia aos túmulos funerarios protohistóricos tan presentes no concello.
O Portonovo dun "portu(us) novu (us)" sitio de paso coa súa, máis que probable, peaxe correspondente.
Novexilde: A partir do antropónimo xermánico rematado en "-hildi" ou "-gildi":."Leubegeldi", xenitivo de Leobegildus, é dicir "terras de Leovixildo". Posteriormente produciríase a alteración fonética: dáse a deformación pola nasalización da alveolar lateral "l".
O Vilar: Xa falamos deste topónimo en diferentes entradas e sempre facendo referencia a "casarío no campo con edificios anexos", unha "villa", provén do villaris latino.
De Ousá e Quintá xa falamos nestoutra entrada. O "Quintanus" poderíase relacionar non como antropónimo senón no senso de "casa e propiedade grande" que talvez foi o que deu orixe tamén ao antropónimo: aí o deixamos.
Requeixo sería, é, un terreo en pendente que vai dar a outro chan, tería unha orixe prelatina.
Mazcarelle: encontramos unha referencia nos Tombos do Mosteiro de Sobrado nos que aparece "..quam fecit Gondemarus de uilla Mascareli in Dei nomine, ego Gondemarus uobis domno Roderico et domna..." segundo Nicandro Ares "acaso relacionable con máscara, voz quizá de orixe árabe; tamén se podería comparar con macarellus 'alcaiote'..."( 'casamenteiro' engadimos nós).
E por último O Mozón que é un topónimo que está por estudar, nós supoñemos terá que ver co Moçao portugués para o que tampouco hai claridade no tocante ás súas orixes.

1 comentarios:

Anónimo

Certo que, hai ou había mámoas no lugar coñecido como A Mámoa, pero non só en ese sitio, senón tamén en outras partes da parroquía de Ousá, onde abundan eses monumentos funerarios. H.M.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.