10 xaneiro 2013

O "Sport Club Friol"

Dentro da dinámica xeral de gran desenvolvemento do asociacionismo durante a II República ( só na provincia de Lugo no período 1931-36 constituíronse 302 asociacións fronte ás 197 creadas dende fins do século XIX ata a instauración da II República) Friol non quedou atrás e aproveitou o momento para constituír unha Sociedade Recreativa-Deportiva que tiña como obxectivos básicos "el desarrollo de toda clase de deportes que no pugnen con la moral y la cultura”  e o de "estrechar los lazos de amistad entre sus componentes, así como con las demás Sociedades, cuyo fin tenga la cultura como emblema”.
Esta sociedade inscribirase co sonoro nome de Sport Club Friol.
No mes de decembro de 1932 redáctase o regulamento da mesma.Con domicilio na casa de  D. Antonio Grande Pena, carece inicialmente de local social nin de espazo concreto para a práctica deportiva.
Si que tiñan claro, os socios fundadores, o seu incial interese pola práctica do "foot-ball" que queda de manifesto no artigo 9 no que se indica que "esta especialidad de deporte será la primera que se establezca".
Os asociados deberán abonar unha cota de 1 peseta mensualmente.
Como curiosidades, dicir que amén do lóxico carnet de identidade acreditativo, establecen o uso "potestativo" dunha insignia "que usará el Club en sus equipos" e que será das cores "Verde y Rojo, en la forma que acuerde la Junta Directiva".
Chama a atención ( estamos falando dun momento no que a práctica deportiva era incipiente e con clara influencia anglosaxona) a redacción dalgún dos artigos nos que se alude ao deporte. Así , os socios poderán "pertenecer a cualquier team de sport, siempre que a juicio del Presidente o capitán del mismo reuna condiciones para ello".
Polo demais aparecen definidas as funcións dos diferentes cargos directivos e demais lugares comúns dunha asociación destas características.
Este regulamento é presentado por D. Domingo Castro Cao (mestre nacional), no Goberno Civil de Lugo o 26 do citado mes de decembro,  quedando constituído este Sport Club Friol, oficialmente nos primeiros días do mes de xaneiro do ano 1933.
Na xunta directiva aparecen, como presidente o citado D.Domingo Castro; vicepresidente D.José Fernández de la Vega (farmacéutico); tesoureiro D.José Roca Serén (comerciante); contador D. José Martínez Mendoza (comerciante ) e como secretario D. Santiago Santiso Gómez ( auxiliar do concello).
Entre os socios constituíntes estaban D. Enrique Camoira, D.Antonio Grande, D. Juan Castrillón (secretario do xulgado), D.Jesús S. Carballal Palmeiro (mestre) e o seu fillo D. Salvador Carballal Pardellas ( auxiliar do concello).
Nada sabemos das súas actividades, pero dadas as circunstancias políticas producidas polo golpe de estado do 36, pensamos que o proxecto quedou adormecido, ata que, anos máis tarde, xa en época da ditadura, refundouse esta sociedade. Pero iso é cousa dunha próxima posterior. 

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.