14 abril 2012

Toponimia da parroquia de Santalla de Devesa

Desta parroquia que no censo de 2011 conta con 86 habitantes de dereito, empezaremos falando da propia Santalla de Devesa: Santalla (mesma advocación que a parroquia de Madelos) ten a súa orixe na Sancta Eulalia -que fala ben--. A Devesa, tería a súa orixe ao igual que Devesa --lugar da paroquia de Trasmonte xa comentado--, nunha defensa. Como di Carlos Vázquez no seu estudo sobre a "Toponimia de Guntín", "trátase dun terreo extenso poboado de árbores, cercado e dedicado ó pastoreo. Na Idade Media --continúa-- tiña a acepción de "prohibición", pola idea de acoutamento desta terra destinada a pastos". É un topónimo ben abondoso por Galicia adiante, e mesmo no noso concello aparte do de Trasmonte o temos en Anafreita, Condes e Prado.
As Casas do Cego Casas dun antigo propietario latino "Caecus". Nas Casas de Covas alúdese inequivocamente ao "cova" do latín vulgar (oco).
O Curral de Abaixo viría do 'currale' --curro-- carro?, indicando situación altimétrica co "bassus"--baixo--
Os Pedrouzos, coa orixe no "petrae" latino"que fai referencia a un lugar con presenza de moitas pedras de gran tamaño, sen estaren traballadas.
A Vixía: Podería facer referencia ao lugar onde se realizaba algún tipo de vixilancia; de feito no dicionario de Ir Indo, aparece tamén como "torre colocada nun lugar alto desde a que se observa algo"; por outra parte no Franco Grande aparece como sinónimo de atalaia, o que vén confirmar o significado que tamén corrobora a súa prominente situación xeográfica.
Vilapedre: Corresponderíase cunha antiga Villa Petri --Vila de Pedro--. Toar: Topónimo de orixe xermánica, pois segundo Ares Vázquez, procedería do antropónimo Teodarius. Este lugar está na actualidade deshabitado. Do Sisto, xa falamos noutras entradas pois tanto en Prado, en Xiá como en Anxeriz aparece tamén este topónimo.
Por último queda Armada para o que existen dúas posibles orixes: unha que a equipararía a "Foxo" como trampa para cazar animais, e outra que a relacionaría coa presenza dun antigo dolmen. En calquera dos dous casos estariamos diante dunha "armata" ou armazón, no primeiro caso cunha finalidade cinexética e no outro cunha finalidade mortuoria.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.