21 abril 2012

Celso Emilio Ferreiro, o seu "Cimenterio privado" e Friol

Un elemento indicativo do inicio dunha civilización, radica no chamado culto aos mortos, que dá precisamente orixe ao nacemento dese concepto abstracto ao que denominamos cultura. Dende hai trinta milenios, o ser humano realiza diferentes prácticas que reflicten medo ou respecto polos falecidos da súa comunidade máis achegada.
Este culto mantense vivo na actualidade e, con diferentes manifestacións, seguen a existir rituais para enfrontar o tránsito e render o “culto ao morto” que abandona definitivamente a súa vida terrenal. 
Nos tempos actuais, na nosa xeografía municipal, podemos observar nos cemiterios parroquiais, lápidas mortuorias que debuxan o perfil do defunto dunha maneira nidia, como o caso que pasamos a comentar. 
No camposanto de Trasmonte ( onde podemos contemplar, os restos dun fermoso e antigo panteón reutilizado); atopamos tamén un nicho coa inscrición correspondente, á que se lle incorpora o escudo dun club deportivo madrileño ,do que o defunto sería en vida seareiro indiscutible —a non ser que a familia lle quixese xogar unha mala pasada, cousa que non cremos--. 
No seu “Cimenterio privadoCelso Emilio Ferreiro deixounos unha serie de epitafios dos que non esqueceu aos “hinchas”. Aproveitando o Centenario do poeta celanovés, reproducimos os versos aos seareiros dedicados

"O Hincha"
"A felicidá, en resume, 
era para íl berrar gol 
nos partidos de futbol 
entre a mesta moitedume. 
Máis déulle tal torozón 
cando quedóu campeón 
o odiado equipe contrario, 
que por dous goles a ún 
xace na foxa común 
iste badoco gregario"

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.