26 febreiro 2012

Toponimia da parroquia de Trasmonte

Baixo a advocación de Santiago, Trasmonte é unha parroquia encabezada por un "trans montem" latino que fai referencia á situación xeográfica da parroquia: tras dun monte.
Temos os seguintes topónimos:
A Rocha,aínda que de orixe incerta, atopamos o seu significado en calquera dicionario como "masa pétrea" ou penedo.
A Pena, do latín 'penna', non é máis cunha variante do anterior, en canto ao seu significado.
O Pazo
: Do 'palatiu' latino, casa señorial, que neste caso fai referencia ao xa comentado Pazo de Trasmonte.
A Devesa: seguindo a Ares Vázquez, sería unha derivación dunha "defensa" latina, aínda que poderiamos achegarlle o significado de " carballeira coutada onde pasta o gando".
O Estanque., inicialmente cunha orixe prerromana; do céltico '*ektankō' ou directamente do latino '*extancāre' que sería, é, un depósito de auga.
Vilarmende e Vilariño son dous topónimos cun "villaris" na súa orixe. No primeiro caso un "villaris Menendi":Villar de Mendo, sendo este Mendo un antropónimo xermánico; e no segundo non sería máis que o 'villaris' diminutivizado.
A Bouzaboa e A Bouzaboa de Abaixo provirían do prerromano '*baltea/ *bautia' que vén sendo un terreo de monte con maleza. Ao segundo incorpóraselle a localización xeográfica a través do latino "bassu".
Os Mosqueiros, fai referencia a un lugar con herba alta para se amoscar o gando? ou simplemente ao abundancial de "musca" como lugar cheo deses insectos?. Semella ofrecer dúbidas.
O Curral deriva do latino "currale, currus' lugar para os carros.
O Fontao é o romance 'fontanum', fonte.
A Ramada, coa orixe latina 'ramata', conxunto de ramas.
A Calle tería a súa base no antropónimo latino Callius unha "(villa) Callii"? ou a súa orixe estaría no "callis" latino como camiño para o gando?. Indicar que hai máis lugares na xeografía galega con este nome.
E deixamos para o final A Muraza, topónimo aínda de orixe máis incerta que o anterior del di Ares Vázquez, "posiblemente aludiría á (nux) moracia, noz dura e difícil de escachar, ou tamén a unha muralla grande".

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.