02 setembro 2011

O cura de Anafreita

Novamente Quiroga, achéganos ás súas lembranzas. Neste caso o personaxe é D. Celestino Morandeira Pardo ( 1877-1961) cura párroco que foi das parroquias de Anafreita e Nodar na primeira metade do s. XX:
"Este bo home, aparte dos labores propios do seu ministerio como sacerdote que era, traballaba unha pequena propiedade, herdada de seus pais, coñecida polo nome da Torre de Anafreita. Chamábase Celestino Morandeira Pardo que faleceu no ano 1961. Contando coa colaboración dun caseiro, e el pola súa conta, tiña dúas vacas, aparte de moitos sobriños e achegados; séndolle necesario facer a súa sementeira como calquera veciño, contando con eles para axudalo en todos os traballos, aos que sempre estaba disposto a servir, en todo canto os poidese favorecer. Un dos costumes da parroquia de Anafreita, o mesmo que se facía noutras de Friol, era partir o monte entre os veciños en tenzas, para cavalas, facendo logo a sementeira de centeo. Isto era coñecido polo nome de estivadas; estes montes estaban en abertal e postos de común acordo os veciños pechábanas con sebes, evitando de tal xeito que a colleita non fose pasto das ovellas e cabras que campaban polos montes. Nesta colaboración veciñal só había unha excepción: o Tío Carrancas, home pendencieiro e amigo da xustiza, que se negaba a colaborar cos veciños. Por mor de non indispoñerse con el, cerraban a súa parte, pero a deslealdade deste home non tiña teito: tiraba as sebes feitas coa finalidade de que as súas ovellas e cabras (tiña cantidade) poidesen pastar cando o centeo era nado. O pedáneo da parroquia xuntaba aos veciños para poñer remedio aos desmáns deste home. O caso é que ninguén se atrevía a facerlle fronte. Aí sae o home da nosa historia sentenciando: --"Isto ten que acabarse, temos que frealo dalgún xeito...". Mobilizou ás mulleres e un bo día, á saída da misa, con regazos de pedras levaron ao Tío Carrancas, pedra vai, pedra vén, ata esconderse na casa. Desde entón o Tío Carrancas, non volveu á misa á igrexa de Anafreita, asistía á de Nodar, preto desta parroquia, sabedor que o causante das mobilizadas mulleres, fora o cura da Anafreita. Entón andaba con cantinelas de este xeito:
--"A este curiña cando o colla ao xeito heino de poñer ao meu modo".

Pasou algún tempo e, sabedor o cura das boutadas do Carrancas, fixo por encontralo, topando con el, ao pé dun pasadoiro; colleuno polos colares cunha man (era coñecido por todos a forza que tiña este home) e coa outra empezoulle a dar cos 'nudillos' na cara ata deixarlla coma un pantrigo, inchada coma un fol; houbo testemuñas do feito.
Logo preguntábanlle:
- Que lle pasou Tío Carrancas?
- Teño unha dor de moas que me rebenta.

Correxiu os seus erros e non esperou a que lle deran outra lección. Deu co home, como se di. Ganáballe o pulso a calquera , cousa que non contaba o Tío Carrancas, que o curiña tiña máis forza nunha man, que os outros nas dúas.
Tamén tiña dotes de manciñeiro: En certa ocasión foi ver a miña avoa Matilde, cando, segundo ela, dáballe algunha “tallada”, merendou na casa e non tiña ningunha presa por marchar, de tal xeito que miña nai ao ver que se facía de noite, tendo que percorrer un largo treito ata Anafreita díxolle:

--Vostede coñece a un que lle chaman Vicente de Bernaldo?
--Si oh!-- contestou o crego
--
--Pois ou outro día- engadiu miña nai-- cando ía por un camiño preto da casa observou nunha corredoira as “poutas dun lobo” que eran tan grandes coma unha man.

--Bueno oh-- repostou o crego-- a semana pasada pasaron sete lobos xuntos pola Cabana abaixo.

Niso quedaron as precaucións e o medo do noso home da historia."

Continúa o noso informante falando da propiedade coñecida como Casa da Torre :
"Contan os historiadores que esta Casa da Torre pertenceu no seu tempo ao Marqués de San Juan de Carballo, é dicir, ao cabaleiro de San Cipriano (Santiago de Compostela), don Antonio Pardo y Sanchez Taibo. Don Juan Pardo de Rigueira, casado con dona Andrea Pardo, foi o segundo Marqués destas terras, sucedéndolle o seu fillo don Pedro Pardo, que estivo casado con dona Angela de Ponte y Andrade. (Posteriormente) Dona Carolina Pardo,casada con don Manuel Morandeira Vigo, da casa Morandeira de Anxeriz, pais do personaxe que nos ocupa-- foron os seus propietarios--,que herdou a propiedade , sendo ao mesmo tempo cura das parroquias de Anafreita e Nodar, ata o seu falecemento, pasando as herdanzas a uns sobriños".
Con toda seguridade Higinio Martínez F. de la Vega poderá ampliar este último apartado.

1 comentarios:

Max

El Tío Carrancas... pensé que jamás volverías a escuchar ese nombre. Gran post!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.