11 setembro 2010

Achegamento aos Saavedra Ascariz

Casa de Mantelle ( Miraz)
A principios do verán, achegámonos ata Miraz para ver de procurar información sobre os Saavedra Ascariz cos que andamos enleados (próxima entrada)
Visita ao cemiterio, fotografías... Chamounos a atención atopármonos coa tumba de D. Delio Mendaña --director que foi do antigo Instituto Masculino de Lugo, aínda sabedores de que estivera casado con Dª Carmen Saavedra Ascariz--.A razón é obvia: por expreso desexo deste astorgano, foi soterrado en Miraz.
Demos sen grandes dificultades coa casa de Mantelle, que segundo as nosas informacións era a patrucial da citada familia. E tivemos sorte, moita sorte. Normalmente esta vivenda está atendida polos caseiros -- na actualidade pais dun noso alumno-- pero resulta que estes días estaba aquí unha filla de D. Delio e Dona Carmen: Carmen Mendaña Saavedra. Unha das continuadoras da estirpe.
Nun máis que correcto galego --logo explicaría as razóns-- esta lucense afincada xa hai moito tempo en Barcelona--por cuestións afectivas-- recibiunos como só os galegos somos quen de recibir a alguén que vén preguntando. Todo foron aclaracións e indicacións precisas sobre aquilo que ata alí nos levaba.
Esta catedrática emérita de Lingua e Literatura Castelá, contounos cun aquel de nostalxia aqueles seus primeiros veráns da súa nenez nos que se achegaban ata Miraz a pasar as vacacións escolares. Se non entendemos mal xuntábanse vinte e moitos entre nenos e adultos.
Pasados os anos, despois de facer a tese sobre a obra de Valle Inclán, e un efémero paso por Logroño, as cousas do corazón levárona á Cataluña do seu home. Pero non por iso perdeu contacto coa terra. Seguiuno mantendo, e a estas alturas da vida, gozando xa dos seus netos, segue vindo e falando con agarimo deste espazo.
Tal é o aprecio que foi capaz de transmitir que, por desexo expreso do seu home - falecido en agosto do 2000--, as súas cinzas viñeron repousar ao cemiteiro orixe da nosa visita. E non só iso, o dominio da Lingua Galega --que xa quixesen para si algúns dos da TVG--tamén se debe aos cursos de Filoloxía Galega que realizou en terras catalás.
Por outra parte o seu irmán Felipe Mendaña Saavedra, é un Inxeñeiro de Camiños Canais e Portos de recoñecido prestixio, e que ten recibido varios premios e polo que sabemos bo especialista na tunelación --tan necesaria para a construción das infraestruturas viarias deste país.
Non sabiamos como lle meter o dente a estes Saavedra Ascariz, pero pensamos que este é un bo comezo.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.