19 marzo 2010

A Guerrilla antifranquista en Friol (III)

Relatamos aquí as dúas accións recollidas por Carlos Parrado no seu libro citado anteriormente: "Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco".A Feira de Guimarei, era daquela unha das feiras de máis sona da contorna; celebrábase todos os 26, sendo a de outono a de máis importancia do ano, onde se facían grandes transaccións de todo tipo de gando, a pesares de que as mulas eran os animais con máis demanda.
"O día 25 de outono do ano 1994, a partida guerrilleira fora quedar á taberna que en Guimarei tiña Benigno Cobas Díaz"(xa citado na entrada anterior). "Ao día seguinte, Ánxel Castro Fernández, un mozo de vinte e dous anos da aldea da Cancela (Condes), que se dedicaba a vender roupa polas feiras, acudira a Guimarei para , na Feira das Mulas, vender as súas mercadorías. Contra o remate da feira e de volta cara a súa casa, Ánxel Castro, acompañaba a Carme Fernández Varela, filla do matrimonio formado por Juan de Ramil ( Juan Fernández Blanco) e a curmá do Curuxás (Ramón Rodríguez Varela), María Manuela Varela García, en cuxa casa de Ramil, Vilar de Donas (Palas de Rei), a guerrilla tiña unha das súas bases máis seguras".
Aínda cun cachiño de día, saíronlles ao camiño dous homes encarapuchados e armados con cadansúa pistola do nove longo que baixaron dun altiño que había á beira do camiño, no que quedaron outros tres ou catro homes máis. Os encapuchados mandaron marchar a Carme, e a Ánxel Castro Fernández sacáronlle ao pé de cinco mil pesetas (sic), o importe do que ven
dera na feira.
Ese día, os mesmos protagonistas atracaron a catro ou cinco feirantes máis. Foi Manuel da Blanca, do Rodo do Muíño (Condes), alcumado 'o Volante', o máis desafortunado; xa que, ademais de lle quitaren os cartos que levaba, botáronlle un tiro nunha perna. Proceder que, segundo o que comentaba a xente da zona, obedecía a unhas labazadas, que por lle coller unhas castañas, presuntamente, lle dera o Volante a Domingo de Cancela, cando este era un rapazote."
Días máis tarde , o 1 de novembro, celébrase a Feira de Santos en Monterroso; de regreso da mesma, viña cara á súa casa de Condes, "o tratante de gando Ánxel Blanco Carregal, acompañado polo seu veciño 'o Carpazo', que así alcumaban na zona a Pedro Villar da Blanca. Cerca de Vilamourel (Palas de Rei) os feirantes foron sorprendidos por varios encapuchados armados queq lles esixiron a entrega dos cartos que levaban. A Ánxel Blanco, polo que acudiu Domingo de Cancela, deixárono marchar sen quitar carto ningún; pero ao 'Carpazo'leváronlle algo máis de catrocentas pesetas"
O Curuxás, Ramón Rodríguez Varela, militante da C.N.T. integrante das guerrillas que andaron por estas terras por aqueles anos , non chegou a ser detido polas forzas franquistas, morrendo no seu agocho na casa do Ramiro o Zarato en Irago de Abaixo (Toques) o 14 de maio de 1967. Dada a súa interesentante traxectoria perfectamente descrita por Carlos Parrado, desde estas páxinas aconsellamos a súa repousada lectura.

Nota)A primeira fotografía é da casa natal do Curuxás, a incorporamos hoxe día 13 de xaneiro de 2012, grazas a Castelo de Pambre ao que lle agradecemos a fotografía.

1 comentarios:

Chousa da Alcandra

Como xa comentei por algures, Curuxás tamén tivo moita fama por terras de Antas. De feito Carlos Parrado andivo por aquí pesquisando detalles para o seu libro.
Eu, cando era rapaz, case sentía medo de escoitar o nome do Curuxás. Non sei moi ben se polo ton de voz maino e polo calado que empregaban ó nomealo, ou polos feitos -algúns seguramente inventados- que lle atribuían.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.