17 marzo 2010

A Guerrilla antifranquista en Friol ( I ) Domingo Villar Torres

Domingo Villar Torres, membro activo da III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, coñecido como Domingo de Cancela , por ser este o seu lugar de nacemento na parroquia de San Martiño de Condes, é o protagonista desta entrada.
"Naceu o 17 de xuño de 1913 nunha familia que se defendía ben economicamente defendíase ben. Aos catorce anos de idade "Domingo emigra a Matarrosa del Sil (León) e comeza a traballar nas minas de carbón. Afíliase á U.G.T.e ao PSOE no 1931.
É despedido do traballo por participar na folga xeral de outubro de 1934, na que os mineiros asaltan e toman o cuartel da Garda Civil de Bembibre (León) e foxe ao monte para escapar á represión subseguinte ao ser sufocada aquela. Coa vitoria electoral da Fronte Popular en febreiro de 1936, é readmitido na mina e incorpórase ao seu antigo posto de traballo, onde o colle o golpe de estado do 17 de xullo dese ano.
Logo de se incorporar (…) ao Batallón Máximo Gorki, enfróntase aos sublevados en Grado (Asturias), onde resulta ferido. É ingresado no Hospital de Mieres e unha vez atendido das súas feridas, envíano a Covadonga (…) ata se recuperar plenamente.
Reincorporado á fronte, participa na defensa de Bilbao e chega ata Guernika no momento en que a Lexión Cóndor nazi pasou á historia por practicar sobre a vila un bombardeo aéreo que “horrorizó a la humanidad”.
Ao caer a fronte de Asturias, o 21 de outubro de 1937, e seguindo a consigna de “sálvese quien pueda”, Domingo e once compañeiros máis tratan de chegar a Galiza; pero son feitos prisioneiros(…) Domingo é internado na prisión leonesa de San Marcos(…) é sentenciado a pena de morte, condena que finalmente foi conmutada pola de 30 anos de prisión, que comeza a sufrir no penal de Burgos, onde permanece preto de tres anos.
Rematado o ano 1941 é enviado a redimir penas a unha explotación mineira de Fabero León—de onde se fuga acompañado de Xerardo Canedo Fernández e Amadeo Ramón Valledor na noiteboa do 1942.(…)
Na súa fuxida perden o camiño –ían cara a Asturias—e extraviados dan con outro grupo de fuxidos (…) que lideraba o Santeiro, alcume polo que era coñecido o curmán de Amadeo Serafin Fernandez Ramón, co que permanecen atao momento de se integrar no grupo de republicanos asturianos comandado por Marcelino Fernandez Villanueva, o Gafas, ao que acompañan ata O Bierzo e, posteriormente aos ourensáns montes de Casaio, onde (…) naceu a Federación de Guerrillas Galicia- León.
No ano 1946 ( noite do 12 ao 13 de decembro) nun vapor de dezaseis metros de eslora o “Santa Teresa” partiu da praia da Abrela (O Vicedo) un grupo de guerrilleiros que sen llo dicir á dirección da guerrilla tomaron rumbo a Francia , non sen contratempos , e entre eles ía o que nos ocupa Domingo da Cancela. (...)
Xa no exilio francés, o 12 de outubro de 1968 casou en Lyon con Luisa Pilar Escartín Abadía, coa que uns anos despois de desaparecida a ditadura de Franco, se estableceu no Seixo ( Mugardos)".
Os derradeiros anos da súa vida pasounos en Viveiro onde era coñecido como Domingo de Friol, morreu "con 93 anos cumpridos , no ano 2007. E cumprindo o seu desexo, as súas cinzas foron depositadas no mar do Vicedo".
Isto que aquí relatamo, xunto coa foto aparece publicado no interesante libro de Carlos Parrado,"Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco" de Edicións de A Nosa Terra.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.