30 marzo 2010

Celestino F. de la Vega ( II ) Verdadeiro talante democrático

Xa fixemos referencia á vida e obra de Celestino Fernández de la Vega noutra entrada. Aquí imos deixar un par de pingas que acreditan --a verdade é que non cumpría acreditación-- a súa fonda querenza democrática.
Debido ao traballo que desenvolvía no Goberno Civil, Celestino estaba en contacto directo co Gobernador Civil, que daquelas asumía tamén a Xefatura Provincial do Movemento. Hóuboos cos que mantivo unha boa relación, pero tamén os houbo cos que se levou certamente mal, dada a “desconfianza ou temor que estes sentían pola cultura e á aversión que tiñan polos demócratas” (1) (aínda hoxe, non é raro atopármonos con mediocres dirixentes que sofren da mesma desconfianza). De Cilistro poderemos discutir o seu interese pola política ou non, pero do que non cabe dúbida e que era un verdadeiro demócrata e rexeitaba o franquismo.
A súa relación con Xesús Alonso Montero, militante comunista recoñecido, xa nos anos sesenta en Lugo, é un exemplo. Tendo relación os dous desde mediados dos cincuenta en Madrid; debido á militancia política de Montero a amizade inicial arrefriou ao chegar este a Lugo. Aínda así, era Celestino –recoñece Alonso—o que estaba detrás de moitas pequenas cousas que se fixeron no Círculo das Artes capitalino; actos nos que a presenza de Montero era notoria.
Conta tamén Alonso Montero, no libro de Siro López sobre o friolés, que nunha ocasión no ano 1972, nun coloquio en Escairón, posterior a unha conferencia sobre o sistema penitenciario español, do que o relator - un profesor universitario adicto ao Réxime- só falara marabillas, Alonso comentara que lle gustaría que seguise mellorando, e o sistema permitise a un encarcerado, poder asistir ao enterro dun filliño ( facía alusión á situación no cárcere de Amor Deus ,represaliado polas folgas de Ferrol dese mesmo ano ). Coidaba Don Xesús que o trato non era moi humano. Isto orixinoulle unha sanción gubernativa. "Celestino non puido evitar a sanción, pero seguramente conseguiu que a rebaixaran".
A creación da Junta Democrática ( Madrid 29-xullo-1974) provocou a inmediata creación de distintas xuntas provinciais. En Lugo a Xunta Democrática saca o seu primeiro comunicado público o 5 de outubro de 1974,(2) no que se pedía, basicamente, o restablecemento das liberdades democráticas e a amnistía para os represaliados políticos e sindicais. Este comunicado da Xunta Democrática de Lugo estaba asinado por persoas relevantes da cidade luguesa, aparte dos lideres políticos e sindicais achegados ao Partido Comunista e CC.OO.
Fernández de la Vega , a pesar de ser coñecedor das posibles represalias que podía conlevar esta adhesión, non o dubidou e sumou a súa sinatura ao manifesto a prol do proceso democrático.
Como seguramente xa supuxera, o gobernador civil relegouno das súas funcións, situación que duraría algún tempo.
Conta a súa viuva, que o gobernador propúxolle (nos urinarios do Goberno Civil) "que enviase un escrito pedindo árnica para que a autoridade puidese levantarlle o castigo. Celestino contestoulle que non tiña que pedir desculpas ningunha pois non tiña nada de que arrepentirse".

A fotografía do Arquivo Histórico Provincial está tomada no ano 1.964.
Á dereita a cabeceira do comunicado citado.
(1) LÓPEZ , S . (2.001) : Celestino Fernández de la Vega. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.
(2) Democracia Obreira. Órgao das Comisiós Obreiras de Lugo, (2002): Fundación 10 de Marzo. Lugo

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.