05 xuño 2009

San Xiao do Carballo, o santo Hospitalario


Como santo titular da igrexa parroquial, San Xiao ocupa un lugar preferente: na fornela central do retablo da capela maior. Tanto o retablo como a escultura son neoclásicos, do S.XVIII.
San Xiao o Hospitalario foi, segundo a Lenda Dourada, un santo parricida que acabaría obtendo perdón divino. Amante da caza, recibe a revelación dun cervo acosado, que predixo que lle daría morte ós seus propios pais. Buscando fuxir deste destino, marchou lonxe e acabou prestando servizo a un rei. Este, en premio, nomeouno cabaleiro e deulle a man dunha nobre viúva. Certo día achéganse ó castelo os seu pais, que levaban tempo na súa procura. Son recibidos pola súa muller, quen lles cede o seu propio leito para descansar. Cando Xiao regresa, cree que acaba de sorprender á súa muller cometendo adulterio e acaba matando ós pais.
Cando é consciente do fatal erro decide facer penitencia: retírase coa súa muller ás beiras dun río onde constrúen un hospital de peregrinos. Certo día, achégase un leproso moribundo buscando refuxio. San Xiao ofrécelle a súa cama. De súpeto, o camiñante, cheo de luz, comunícalle que Deus o perdoara.
O culto a San Xiao está moi estendido en Galicia. Parece que ten vinculacións con cultos da antigüidade romana. Os lugares sagrados dedicados ós Lares Viales foron sacralizados durante o cristianismo baixo a advocación de San Xiao. Especialmente no conventus lucense foron habituais os templos dedicados ós Lares Viales, que protexían ós camiñantes que se dirixían a algún lugar sagrado. Só en Friol hai catro parroquias dedicadas a San Xiao.
Esta tradición de sacralizar as encrucilladas parte de tempos remotos, pois xa no Neolítico os mortos eran enterrados en zonas de tránsito, en camiños sagrados que, como tales, se perpetuaron durante a romanización e durante o cristianismo. Así pois, se os Lares Viales eran condutores de almas, no cristianismo serán os santos.
Con todo, hai outras tradicións relacionadas con San Xiao, como Xiao de Brivate (mártir asociado a Ferreol) ou Xiao de Antioquía. É moi probable que moitas veces se mesturen todas estas tradicións.
Esta mestura supón unha certa confusión nos símbolos de identificación dos santos: ás veces aparece cun falcón, cunha escopeta ou espada, e vestido de cabaleiro(no caso do santo parricida), pero ás veces aparece vestido de romano (no caso de San Xiao como escolta de Ferreol).
O San Xiao de Carballo responde ó primeiro tipo, ó santo parricida, pero desprovisto dos atributos máis evidentes: sen armas e cun paxaro na man. Viste indumentaria típica do S. XVIII (calzóns e levita) e propia da súa condición de nobre. A súa expresión é de contida melancolía: o ethos substitúe o pathos da época barroca, que é temperado por ademáns e formas delicadas. O academicismo imponse no XVIII, dando un golpe mortal á libre imaxinación que exaltaba a emotividade. Simplifícanse os volumes e a policromía, que resulta moi sobria, de cores planas e con acabados mates.

1 comentarios:

Anónimo

Curiosamente eses Xiao de Brivate e Ferreol son, segundo algunhas teorías, os que dan orixe a S. Xiao de Friol e ó Ferrol que ten como patrón tamén a s. Xiao.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.