16 xuño 2009

Os contos da avoa Matilde ( I )

Recollemos aquí máis historias relatadas por Manuel López Quiroga. Neste caso reflectimos acaecidos de trasgos contados pola súa avoa:
"Contábame sendo moi neno, historias de trasgos. Que polo agro do fabal, moi preto da casa, desfilaban homes con cadaleitos, rodeados de fachas de velas acendidas, formando unha especie de procesión, pregando polas ánimas do purgatorio.
Un dos trasgos tiña a manía de entrar na casa dun veciño, onde tiñan un tear, desfacendo as teas de liño que tiñan montadas, estragando o traballo de varios días. Sempre houbo quen dese consellos, e un dos máis vellos do lugar, que facía as funcións de “máis meigo” dixo:
--Para escorrentalo o mellor de todo é poñerlle atrancos no camiño.
Porque-- segundo el-- , se tiraba algunha cousa ó pasar, sempre estaría á procura de volvela deixar como estaba. Moi ben. Deu instrucións de que puxesen varias cuncas de grao de millo nas entradas. O trasgo volveu, tirou as cuncas con millo, pero picou tódolos graos e volta as andadas. Despois puxéronlle unhas cuncas de semente de liñaza, tirounas, pero picou grao a grao. Non podendo encontrar remedio, foron xunto doutro veciño (máis meigo có anterior) e di moi sentencioso:
--Carasto! Poñede unhas potas con auga!.
Menciña radical: tirounas e non puido ‘arrecadar’ a auga. Nunca máis volveu.
Entón déuselle por vir á nosa casa tódalas noites, molestando sempre a un ‘antergo’ que se chamaba Bartolo, e cando máis durmido estaba berráballe:
--Bartolo! Bartoliño!
Así un día e mais outro, ata que un día enfadado o bo de Bartolo díxolle cheo de razón:
--Que lle queres a Bartolo Bartoliño? Sabes o que hai de novo?. Mételle os fociños no cu.
Nese intre colleu o trasgo unha carda do liño é púxolle as pousadeiras en lardo vivo.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.