05 xuño 2009

Contos do Quiroga: Descontando ratos.

Tempo atrás, tivo Friol un alcalde que presidiu o concello durante máis de 30 anos.Chamábase Segismundo Grande.
Este home, entre outras actividades, dedicábase a comprar coiros que estendía nunha palleira, alén da súa casa. Isto provocaba a invasión de ratos e lirios, que roían toda a mercancía acumulada.Utilizou toda clase de "menciñas", amén dos consabidos gatos, sen resultado algún.
Nestas xurdiu, coma sempre, o conselleiro que a todo lle buscaba solución, dicíndolle que o mellor era
“descontalos”, pedíndolle axuda a un cura da parroquia de Anafreita que acudiu presto a poñer remedio.
Unha vez en Friol, díxolle que era preciso un hisopo con auga bendita, indo á procura do mesmo á casa do cura da parroquia. Provisto de tal ferramenta, colleu o bo do crego o hisopo cunha man e na outra o libro de rezos, púxose a rezar ao mesmo tempo que utilizaba o hisopo. Mentres tal facía ían aparecendo ratos por todas partes, facéndolle dicir ó alcalde:
-- Ai Cilistro (que así se chamaba o cura) para!. Que debes estar lendo ó revés, porque cada vez aparecen máis.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.