10 maio 2009

Pazo-Torre de Miraz (II)

Co paso do tempo o solar de Miraz perde a función defensiva. Con todo, era habitual en toda Galicia, que os pazos mantivesen as torres como a parte máis emblemática do señorío. As novas necesidades produtivas fixeron que a primitiva construción se modificase, engadindo novos corpos destinados á residencia familiar, e ó almacenamento e transformación da produción agrícola que era aboada polos campesiños como pago das rendas.
O pazo, do S.XVIII, está pegado á torre. Todo o conxunto ten unha planta en L, e está pechado por un alto muro de cantaría granítica. Accédese a través dun portalón que conduce a un patio interior axardinado. O portalón é alintelado e coroado por tres elementos decorativos: do central só se conserva a base; dos laterais, que deberon ser iguais, consérvase o esquerdo, cun cilindro de base e pináculo de bóla.
Toda a edificación está feita en cantaría granítica, excepto nas zonas máis tardías, para as que se empregou cachotería. Ten cuberta a dúas augas e dúas plantas. A planta baixa, destinada ó servizo, ten unha porta de medio punto doelada. Á planta alta ou planta nobre, accédese por un patín de dous tramos que conduce á solaina. Esta susténtase sobre seis enormes molduras de pedra que seguen a moda do S.XVIII. A solaina está pechada por paneis de pedra macizos e dividida en cinco tramos por cinco columnas monolíticas con capiteis curvos. Baixo a solaina ábrese unha porta de medio punto.
O pazo axústase ó modelo de pazo galego do S.XVIII, pero resulta moito máis austero, pois apenas hai concesións ó ornamento, tan do gusto na arquitectura da época.

1 comentarios:

Chousa da Alcandra

Ola de novo!.
Non podo máis que sorprenderme gratamente polo voso traballo con este blog. Percíbese ben ás claras o cariño que amosades pola vosa vila, que -como xa dixo Castelao- "Se sodes sentimentais comprenderedes a miña emoción porque a vila natal non é coma todas as vilas..."

Tamén viña hoxe a convidarvos a que participedes nun concurso que anda "infectando" o blogomillo. Trátase dun sorteo de 6 estadías de fin de semana noutras tantas casas rurais galegas e un lote de queixos do Xurés. A iniciativa parte de Julio Cougil, que dende Cataluña está facendo país.
Pasádevos polo meu blog para ver o sinxelo que é participar.
Unha aperta e parabéns polo voso traballo.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.