18 maio 2009

Igrexa de S. Xiao do Carballo.

Aínda que a festa en honor a S. Benito é a de máis sona, a igrexa parroquial de Carballo ten a S. Xiao como santo titular. A igrexa é dos séculos XVIII e XIX, e esta construída cun aparello de cantaría de magnífica calidade. A planta da igrexa é de cruz grega, destacando en alzado a capela maior. O conxunto ten un pórtico achegado no lado norte, onde se realizan as poxas en honor a S. Benito. Tamén pegada ó lado norte está a sancristía.
Esteticamente o exterior resulta moi academicista e acorde cos gustos neoclásicos: as únicas concesións ó ornamento son enmarques xeométricos que reforzan o racionalismo arquitectónico. A fachada é de corte plano, acorde coa estética neoclásica, e segue un esquema moi semellante ó de tantas fachadas de igrexas presentes no concello: inscrita nun rectángulo e con dous vans no corpo central, porta e ventá, ambas rectangulares e con remarques de cantaría lixeiramente acentuados nas esquinas. Os extremos da fachada tamén se destacan mediante pilastras, coroadas por pináculos de bóla asentados sobre cilindros. A transición ó corpo superior resólvese mediante aletas curvas que serven de unión á espadana, de dous vans para as campás, e un terceiro van superior flanqueado por pináculos.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.