03 decembro 2008

Casa Torre da Devesa

Foron numerosas as casas-torre ou casas fortes que se levantaron por todo Friol: torre de Anafreita, torre de Bustelo (San Martiño de Condes), torre da Devesa, torre de Nodar (Samede), torre de Prado (San Martiño de Prado) ou Rocha de Narla (San Cosmede da Rocha). As súas orixes remóntanse á Baixa Idade Media. No fondo eran vivendas acomodadas que contaban con torres de pedra destinadas a diversas funcións. Moitas veces funcionaban como centros administrativos ou xudiciais, ou ben controlaban as vías de comunicación. Estas casas fortes consolidáronse ó longo do S.XV, e sempre vinculadas á nobreza local.
Polo xeral, a función básica das torres era de vivenda, tiñan varios pisos sen abovedar e, en torno a elas, construíanse dependencias subsidiarias de diferentes usos (almacéns, vivendas de criados, cortes...). As veces rodeábanse de cercas ou aproveitábanse foxos naturais (como o caso de Anafreita), dándolle un aspecto de pequena fortaleza.
Algunhas delas foron destruídas durante as revoltas irmandiñas, como foi o caso da torre de Bustelo ou da Rocha de Narla.
A que vemos na foto é a casa torre da Devesa, en Sisto, sen dúbida moi transformada polo paso do tempo. Con todo é un valioso exemplo de arquitectura civil renacentista. As trazas renacentistas son claramente visibles no arco de medio punto doelado da porta de entrada, ou no escudo. Este está timbrado con coroa, e inclúe as armas dos Varela (tres lises e a roda de Santa Catalina), dos Parga (cinco barras horizontais), dos Ulloa (cuartel axedrezado) e dos Prado (árbore e fouce).

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.